AC Cherinkas

A Muiñada trae a Vimianzo as tendencias da música tradicional actual

Xa están á venda as entradas para ver a Mondra, Xosé Lois Romero & Aliboria, Alana e as Lagharteiras

A Muiñada de Vimianzo celebra a súa oitava edición o sábado 21 de outubro consolidando un cartel musical de referencia e un programa de actividades aberto a toda a veciñanza. Ruta de sendeirismo teatral, baile, concertos, gastronomía, xogos e mesmo un campionato de debullada de millo.

Este xoves presentouse o programa da festa no muíño da Agra, gran protagonista no día da festa, aínda que non o único, pois a festa trasladarase ao longo do día a diferentes elementos etnográficos do val de Vimianzo.


Ruta teatral

O sábado comeza coa Ruta teatral polos muíños de Cambeda. Un percorrido duns 4 quilómetros pola magnífica paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. Este ano contará cun percorrido renovado, incluíndo tamén a interesante aldea de Sanfíns onde se conservan singulares elementos de valor etnográfico como o seu carballo milagreiro. A ruta teatral será conducida por David Roget e interpretada por mozas e mozos de Vimianzo. Hai prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse en cherinkas.org

Ao mediodía, a festa trasládase ao muíño da Gándara, onde se celebra a Sesión Vermú nunha contorna de gran beleza paisaxística. As Lagharteiras poñerán ritmo coas súas voces e percusión aos grolos e “petiscos do muíño”. 

Despois de xantar xa toda a actividade se centra no muíño da Agra, que acollerá no seu interior unha exposición sonora en homenaxe a Dorothé Schubart, en colaboración co APOI do Museo do Pobo Galego.

Será unha tarde de xogos, concurso de debullado, música e baile. As agrupacións, dirixidas por Iván Villar, Foliada de Salto e Airiños do Río Grande de Pasarela abren a Romaría Cativa, trala que se sucederán os Xogos do millo e o Campionato de debullado de millo. En paralelo, ás 17h30 comezará un obradoiro para aprender o “Baile na Terra de Soneira”, con Ramón do Serrador que nos introducirá nos puntos típicos da comarca de Vimianzo.

O baile xa non parará a partir das 19h, coa tradicional Foliada na que irán subindo ao Palco do Tarabelo agrupacións de toda a comarca durante dúas horas de música tradicional. Durante a foliada preparanse filloas á pedra e servirase a Cea tradicional, tamén con opción vegana, onde a fariña non podía faltar como ingrediente principal, facéndose á beira dun muíño.

Ás 21h30 a festa trasládase ao Palco da Maquía, con entrada de pago, para asistir á noite de concertos, coa estrea de Alana, o gran espectáculo de percusión e voces de Xosé Lois Romero & Aliboria e o rompedor artista Mondra, que presentará o seu primeiro álbum Ardén.

Precisamente, o grupo Alana achegouse ao muíño da Agra na presentación da festa, onde adiantaron que “vai ser un concerto moi especial”, pois estréanse practicamente na Muiñada de Vimianzo e un dos seus compoñentes é mesmo veciño de Vimianzo, Pablo Castro, quen xunto ás voces de Antía Vázquez e Eloy Vidal, forman esta nova banda.

As entradas para a Sesión Vermú e a noite de concertos no Palco da Maquía xa están á venda en woutick.es

Colaboración

Por outra banda, até o venres 13 de outubro, estará aberto o prazo para toda aquela persoa que queira participar como voluntaria. Para facelo debe poñerse en contacto a través de facebook (@accherinkas) ou instagram (@muinhada.vimianzo).

A festa está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas, coa colaboración do Concello de Vimianzo e da Deputación da Coruña, e coa axuda doutros colectivos como a AC Trubisquiña e a AX O Ariete. Ademais, a organización agradece inmensamente o apoio e axuda da veciñanza na realización desta festa.

De esquerda a dereita:

Pablo Castro, Eloy Vidal, Antía Vázquez (Alana), Manuel Rial (AC Cherinkas), Mariví Amigo (técnica de turismo),  Rosa Blanco (concelleira de Cultura), Mónica Rodríguez (alcaldesa), María José Pose (concelleira de Benestar Social), Beatriz Pazos (Concelleira de turismo e asociacionismo), Sonia Amigo (AC Trubisquiña).

CONCERTOS DO SÁBADO 21 DE OUTUBRO (con entrada)

SESIÓN VERMÚ NO MUÍÑO DA GÁNDARA

LAGHARTEIRAS

As Lagharteiras son un grupo de mulleres pandeireteiras con sede en Mos cunha ampla traxectoria na música tradicional, que unen os seus coñecementos para pór en marcha un proxecto de dignificación e revalorización do patrimonio cultural galego.

A súa recente colaboración co artista C Tangana no himno do Celta “Oliveira dos cen anos” deulles un gran recoñecemento.

SERÁN NO MUÍÑO DA AGRA

ALANA

Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro forman o trío Alana. Un grupo que desde a música tradicional achega a música tradicional a ritmos actuais como o pop e a electrónica dun xeito fresco.

É un dos seus primeiros concertos, e con máis emoción por ser no lugar de orixe dun dos seus compoñentes (Pablo).


XOSÉ LOIS ROMERO & ALIBORIA

O combo galego que dirixe Xosé Lois Romero leva demostrándoo nos escenarios dende hai máis de 3 anos, a partir da publicación dun homónimo debut que servía como revulsivo para amosar un xeito absolutamente salvaxe e orixinal de acometer a música tradicional galega: a través de unicamente un coro de voces femeninas, e percusión tradicional, moita dela redeseñada para o proxecto, nun exercicio inédito de reinvención das ferramentas para facer música.

MONDRA

Artista, cantante e bailarín, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega  Presenta ARDĒN o seu primeiro disco. Producida por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva que celebra e reivindica, que coida e berra, e que abre a porta a unha terra diversa chea de liberdade, afectos e empoderamento.