AC Cherinkas
Sobre Nós
- 1996 Nace a Asociación dun xeito oficioso
- 1999 Constitución oficial como Asociación Xuvenil
- 2015 Última renovación dos estatutos, con cambio a Asociación Cultural
Fóra desta historia deixamos anécdotas curiosas que fican para o rexistro sentimental, como a orixe do nome e do logo ou a vinculación con certos espazos da vila de Vimianzo.
Como resulta natural, foron moitas as persoas que asumiron responsabilidades de diferente índole ao longo deste tempo, así como moitas as que dun xeito máis ou menos estable formaron parte da masa social ou participaron dos nosos actos de modo activo ou pasivo. A todas, as grazas, extensibles ás que colaboraron e patrocinaron como mellor puideron.
Alén das persoas que fican no andel do tempo, outras virán –cando menos, así debería ser a lóxica–, que renoven o presente constante desde o que xulgar o noso dinamismo.
No fondo do tempo fican actividades hoxe invisibles, perdidas entre a ampla relación ofrecida todos estes anos. Experiencias algunhas delas con escasa xente e nula repercusión, mais non por iso exentas de valor.
Hoxe, son varias as actividades que xestionamos, con máis ou menos axuda persoal e institucional. Sen dúbida, a de máis impacto é o Asalto ao Castelo; mais ao seu carón fican outros eventos culturais como a Muiñada ou a máis fresca Neghra Sombra. Esta tríade, a súa vez, estruturase en función de moitas outras actividades tinxidas dunha esencia común: a procura identitaria.
Desde unha vertente máis deportiva, a Kronoeskalada ou a Legua son cabeza doutra serie de actividades que contribuén a encher de contidos á comarca e, por tanto, ofrecer outras posibilidades que sumar o labor que aportan desde as institucións.
Longa vida ao Asociacionismo.