A Muiñada de Vimianzo celebrarase o venres 16 e sábado 17 de outubro, “facendo bailar” os muíños do Val. Este xoves presentouse o programa completo no muíño da Gándara, fermoso escenario natural onde se celebra a sesión vermú do sábado.
Unha décimo primeira edición na que se consolida como unha cita destacada no calendario festivo da música e o baile tradicional, atraendo a público de toda Galicia.
Documental, narración oral, foliada, concertos, artesanía, gastronomía tradicional, xogos, o afamado campionato de debullado de millo e obradoiros completan o intenso programa que se vivirá nos muíños do Val de Vimianzo, onde se mesturarán sons e linguas do noroeste peninsular.
A alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez agradeceu “o intenso labor realizado pola Asociación Cultural Cherinkas e outros colectivos e xente voluntaria por facer posible que, unha década despois, a Muiñada de Vimianzo siga gañando fieis seguidores. É unha festa que representa a nosa esencia, e a nosa identidade”.
“É un orgullo ver como tanta xente nova se involucra nunha festa na que miramos ao pasado, reinterpretándoo co noso mirar de hoxe, e aprendendo do saber de todas aquelas persoas que loitaron por saír adiante nun mundo moi diferente ao actual, con dificultades económicas e privado de liberdades”, lembrou Manuel Rial, coordinador do festival.
Noite do venres
A programación arrincará ás 19:00 h na Casa da Cultura (sala de conferencias) coa presentación do novo documental do SEMESCOM (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte): O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, un novo documental divulgativo sobre a canle fluvial máis senlleira da comarca. A propia festa sae referida neste audiovisual, como referente de festa etnográfica nun afluente do río do Porto.
Á noite, a festa trasládase ao muíño da Agra, con entrada de balde. Baixo o lema Unha noite non é nada, ás 22:00 h a música partirá directamente do interior do muíño, recreando a intimidade das orixinarias muiñadas. Seguirá a enerxía dos mozos de Axeigo, formación chegada dende a Terra Chá con gaitas, percusión e un repertorio de raíz pensado para abrir a festa e facer bailar. Ás 23:30 h subirán ao palco as pandeireteiras de todo un referente das agrupacións do noso país: Xacarandaina, dende 1978 na cidade da Coruña. A partir das 00:30 h a noite quedará aberta á foliada libre.
Botamos uns contos no Muíño das Pasantes
O sábado comezará ás 12:00 h cunha das grandes novidades desta edición da man do recoñecido actor e monologuista Avelino González. Será a primeira vez que a Muiñada programe un monólogo de narración oral para público adulto, e farao nun escenario singular: o muíño das Pasantes, que se converterá por vez primeira nun íntimo anfiteatro para gozar das historias e personaxes do actor. A entrada é libre.
Os muíños, os nosos escenarios
Ao mediodía, a festa trasládase ao muíño da Gándara, onde se celebra a Sesión Vermú nunha contorna de gran beleza paisaxística. As Do Rivés poñerán ritmo coas súas voces e percusión aos grolos e “petiscos do muíño”, a partir das 13h30. Presentarán o seu primeiro disco “Contrabando” por primeira vez en Vimianzo, músicas moi recoñecibles con sons e falares das comarcas da Costa da Morte.
Despois de xantar xa toda a actividade se centra no muíño da Agra, onde haberá dous palcos diferenciados, o do Tarabelo, onde se concentra a actividade da tarde e do serán de entrada libre e gratuíta, e o da Maquía, a noite de concertos, para a que é preciso adquirir entrada.
Tarde de millo
A partir das 16:30 h abrirase o muíño coas pezas das actrices da parroquia vimiancesa de Salto Teté Teatro, os Xogos do Millo para nenas e nenos, artesanía e a exposición fotográfica “Derradeiro. Os últimos muíños”, unha homenaxe ás persoas que manteñen en pé e funcionando estes enxeños hidráulicos en Vimianzo.
A Muiñada volve tender pontes con Portugal traendo á nosa cita a Zuca-Truca, proxecto chegado de Ponte da Barca (Minho) creado polos arquitectos Rafael Freitas e Mariana Campos, quen impartirán ás 17:00 h un obradoiro de brinquedos sonoros para aprender a construír instrumentos con elementos da natureza. Apto para todas as idades!
Pouco despois, ás 18:00 h, terá lugar un dos momentos clave do programa: o campionato de debullado de millo, onde novos e vellos compiten por ver quen quita os grans das espigas máis rápido.
A música xa non se deterá a partir das 19h, coa foliada que reunirá diferentes grupos que irán subindo ao Palco do Tarabelo durante máis de dúas horas de música tradicional á beira do Muíño da Agra. Durante a foliada prepararanse filloas á pedra e servirase a Cea tradicional, tamén con opción vegana, onde a fariña non podía faltar como ingrediente principal.
Ás 22h a festa trasládase ao Palco da Maquía, con entrada de pago, para asistir á noite de concertos. A noite abrirase co son enérxico de Benofán Charanga, agrupación de mozos de Calo (Teo) que recupera o espírito das murgas e charangas de comezos do século pasado.
Seguirá ás 23:30 h Alana, un dos proxectos referentes da actual vangarda musical galega. O grupo —integrado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e o vimiancés Pablo Castro— regresa ao festival onde debutou en 2023 para presentar por primeira vez en Vimianzo seu segundo LP, Un saber, traballo que homenaxea a transmisión e memoria das mulleres informantes da nosa tradición con bases de electrónica e pop. O concerto contará coa colaboración en directo de Lina e Lola, ademais dalgunha sorpresa sobre o escenario.
O remate chegará á 01:00 h con Delameseta. O dúo valisoletano composto por Lucía López e Santi Sierra achega o seu particular “Folclorismo Urbano”, mesturando panderetas, jotas, charros e seguidillas castelás con potentes bases electrónicas e sintetizadores concibidos para o baile e a pista. Non é habitual velos por Galicia, así que será unha boa oportunidade para os fans do grupo castelán.
As entradas para a Sesión Vermú e a noite de concertos no Palco da Maquía xa están á venda en woutick.es
Premio para as mellor vestidas
Desde hai anos, á Muiñada acódese con boinas e vestimentas de mediados do século XX. Para fomentar esta viaxe ao pasado, premiaranse ás persoas mellor vestidas durante a Muiñada.
A festa, sen ánimo de lucro, está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas, coa colaboración do Concello de Vimianzo e patrocinio da Deputación da Coruña, e conta coa axuda e participación nesta ocasión doutros colectivos como o Ariete, o SEMESCOM e a AC Trubisquiña, , así como co apoio indispensable da veciñanza na realización da festa.