AC Cherinkas

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Davide Salvado e Ailá nunha Muiñada renovada

Despois da pausa o ano anterior pola pandemia, Vimianzo volverá celebrar a Muiñada dunha maneira diferente. Será o sábado 6 de novembro con actividades que se desenvolverán ao longo da xornada e en diferentes muíños do val.

Os primeiros muíños que se visitarán serán os de Cambeda ao longo dunha ruta de sendeirismo teatralizada de 4 quilómetros pola fermosa ribeira do río con numerosos saltos e fervenzas. As saídas por tempos en grupos reducidos.

Á hora da sesión vermú a festa móvese ao muíño da Gándara, no que espera Davide Salvado acompañado de Fransy González a partir das 13h30.

Despois de xantar ábrese unha tarde de xogos e unha curiosa carreira chamada a Milla do Milllo, con diferentes categorías de idade, para a que será necesario inscribirse. Todo isto en torno a un novo muíño, o das Pasantes, rehabilitado nos últimos tempos.

Finalmente, a tradicional noite de concertos transfórmase agora en serán. A partir das 20h o gran muíño da vila, o muíño da Agra acollerá baixo carpa os concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e o grupo Ailá.

Adaptación

No contexto da situación actual, a organización decidiu apostar por introducir elementos novos ao tempo que adapta o tipo de actividades e a súa realización ás normativas de seguranza vixentes. Deste xeito, lamentamos non poder ofrecer nesta ocasión actividades como a gran foliada con grupos da Costa da Morte ou xogos como a competición de debullado, que tentaremos recuperar en próximas edicións cando a situación sanitaria permita realizalo en condicións.

Entradas

Outra das novidades principais desta edición é que haberá que adquirir entrada para todas as actividades, como xeito de facer sostible economicamente o festival no marco das condicións de seguranza fronte ao coronavirus. Deste xeito tamén se atenderá ao control de capacidade e rexistro de asistentes marcado polas actuais normativas.

As entradas e bonos poranse á venda en www.enterticket.es en diferentes fases:

  • Bono completo. (21/10 – 24/10) (Ruta teatral + Sesión vermú + Serán)

  • Bono musical. (25/10 – 28/10) (Sesión vermú + Serán)

  • Bono Serán no Muíño da Agra. (29/10 – 01/11) (Entrada anticipada para o Serán)

  • Entradas soltas (02/11 – 06/11) (Entradas individuais para cada actividade)

Os primeiros bonos a vender serán os completos, que inclúen a Ruta teatral dos Muíños de Cambeda, a sesión vermú e o Serán musical. O tempo de venda comeza a partir deste xoves 21 ás 18h. Unha vez terminada a primeira fase este domingo, abrirase o prazo do seguinte bono e así sucesivamente.