Dentro dun mes exacto, a Muiñada de Vimianzo celebrará a súa novena edición o venres 18 e sábado 19 de outubro, polo que desta vez alongarase a festa unha noite máis, a da véspera. Cantos de taberna, ruta de sendeirismo teatral, foliada, concertos, gastronomía tradicional, xogos, o afamado campionato de debullada de millo, espectáculo para público familiar e unha panillada completan o intenso programa que se vivirá nos muíños do Val de Vimianzo.
Este xoves presentouse o programa da festa no muíño da Gándara, fermosa contorna natural onde se celebra a sesión vermú que congrega a numerosos afeccionados á música e baile tradicional.
Cantos de taberna
Unha novidade deste ano son os Cantos de taberna a partir das 21h do venres 18 de outubro. A música ambientará as rúas e bares da vila creando ambiente antes do día grande da Muiñada. “Como di a canción, unha noite non é nada, por iso quixemos que o espírito da Muiñada envolva Vimianzo tamén na véspera para que se traslade a festa máis aló dos muíños” explicou Manuel Rial, da AC Cherinkas, entidade organizadora da festa.
Ruta teatral
Nesta edición recupérase a Ruta teatral por Sanfíns e os muíños de Cambeda, que non puido celebrarse o ano pasado polo mal tempo. Un percorrido duns 4 quilómetros pola magnífica paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. Este ano contará cun percorrido renovado, incluíndo tamén a interesante aldea de Sanfíns onde se conservan singulares elementos de valor etnográfico como o seu carballo milagreiro. A ruta teatral será conducida por David Roget e interpretada por mozas e mozos de Vimianzo. Hai prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse en cherinkas.org
Os muíños, os protagonistas
Ao mediodía, a festa trasládase ao muíño da Gándara, onde se celebra a Sesión Vermú nunha contorna de gran beleza paisaxística. Dende o Morrazo, Lina e Lola poñerán ritmo coas súas voces e percusión aos grolos e “petiscos do muíño”, a partir das 13h30.
Despois de xantar xa toda a actividade se centra no muíño da Agra, onde haberá dous palcos diferenciados, o do Tarabelo, onde se concentra a actividade da tarde e serán, e o da Maquía, a noite de concertos, para a que é preciso adquirir entrada.
Tarde de millo
Unha panillada abre a tarde do sábado, coa AC Nemanquiñas de Vimianzo, en lembranza das xuntanzas de palilleiras que eran o verdadeiro motor da música e do baile na Terra de Soneira. Nestas xuntanzas ao tempo que se traballaba no encaixe, sacábanse as pandeiretas e moceábase.
En paralelo, a partir das 17h comeza o espectáculo para público familiar “Unha noite no muíño” de Caxoto. O espectáculo do artista da “Trastenda dos Contos” trata precisamente das celebracións que se realizaban despois dos traballos no campo, ou na casa, onde nacían os cantares e bailes.
“Unha tarde na leira do millo” servirá para revivir desde as xeracións máis novas ás de máis idade os traballos relacionados co millo. Haberá un campionato de debullada de millo, escunchado (como se chama en Vimianzo a esfollar as espigas) e diferentes xogos tradicionais para todas as idades.
A música xa non se deterá a partir das 19h, coa “previa”, o primeiro concerto da tarde da man de Unto Vello, no Palco do Tarabelo. O dúo formado por Xabi Gómez e Bieito Pereira traerá músicas de Galicia e outras tradicións nun dos seus primeiros concertos como grupo.
A clásica Foliada reunirá agrupacións de toda a comarca durante dúas horas de música tradicional á beira do Muíño da Agra. Durante a foliada prepararanse filloas á pedra e servirase a Cea tradicional, tamén con opción vegana, onde a fariña non podía faltar como ingrediente principal.
Ás 22h a festa trasládase ao Palco da Maquía, con entrada de pago, para asistir á noite de concertos. Será unha oportunidade para descubrir a música das portuguesas Crua, especializadas no toque do adufe, pandeiros que combinarán con outras percusións e coas súas voces con música galega e do país irmán. Ailá volve á Muiñada, pero cun novo disco que desfrutar. Fecha a noite o grupo De ninghures, que está arrasando nos diferentes festivais cos seus ritmos e sons de raíz galegos e doutros pobos ibéricos e mesmo de Latinoamérica.
Precisamente, esta mañá houbo representación de varios dos grupos que tocarán na novena edición da Muiñada, con Hadrián García de De ninghures e Bieito Pereira e Xabi Gómez de Unto Vello, quen fixeron referencia ao pracer de poder tocar nunha festa que xa é referente na música tradicional en Galicia.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “o intenso traballo da Asociación Cultural Cherinkas por facer posible durante xa nove anos a Muiñada de Vimianzo, unha antropofesta moi nosa, e sen lugar a dúbidas, moi especial. Tamén a todos os axentes implicados nesta programación, as bandas, persoal de produción e por suposto ao público que nos acompañará”.
Rodríguez quixo lembrar tamén a implicación “da Deputación da Coruña, a través da área de Cultura, por ter en conta a reivindicación dos muíños como lugares singulares da sociedade galega”.
As entradas para a Sesión Vermú e a noite de concertos no Palco da Maquía xa están á venda en woutick.es
Colaboración
Por outra banda, até o venres 11 de outubro, estará aberto o prazo para toda aquela persoa que queira participar como voluntaria. Para facelo debe poñerse en contacto a través de facebook (@accherinkas) ou instagram (@muinhada.vimianzo).
A festa, sen ánimo de lucro, está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas, coa colaboración do Concello de Vimianzo e patrocinio da Deputación da Coruña, e conta coa axuda e participación doutros colectivos como a AC Trubisquiña e a AX O Ariete. Ademais, a organización agradece inmensamente o apoio e axuda da veciñanza na realización desta festa.