AC CHERINKAS

Ruta cultural a pegada celta. Sanfins - Ogas

A ruta cultural forma parte da VII Muiñada de Vimianzo. Esta ruta descobre unha serie de elementos na parroquia de Sanfíns (Cambeda) para acabar revisitando desde unha ollada distinta varios dos puntos clave que conforman a Ruta dos Muíños de Cambeda e Ogas.


ITINERARIO

Os principais puntos de interese encadrados na ruta contarán coas explicacións de David Roget.


PERCORRIDO

Traxecto lineal que se achega aos 6 km, con inicio na praza de Sanfíns e con final en Tras do Muíño (Vimianzo), próxima á praza do Concello de Vimianzo.

PRINCIPAIS PUNTOS DE INTERESE

Aínda que pasaremos a carón doutros espazos de grande valor, como é o caso da anta da Mina de Sanfíns (descuberta hai poucos anos) na ruta terá especial relevancia o seguinte:

1: Muíño do Vao.

2: Conxunto de eira con cabazo de chan singular, que se pode datar no XVIII.

3: Carballo do Santo ou Carballo das nove voltas.

4: Lintel con gravados e inscricións.

5: Casa moi antiga con cruces gravadas e cantería relevante.

6: Casa dos Tarambana.

7: Lavadoiro de Sanfíns.

8: Piñeiro manso, lugar de ritos.

9: Antiga casa grande de Vilariño.

10: Cruces e outras inscricións dos muíños de Cambeda-Ogas.

TEMPOS

Estímase que a actividade terá unha duración de 3 horas.

O inicio da ruta, en Sanfíns, terá lugar ás 10h para chegar ao punto final do percorrido a iso das 13h. (Lembrar que no final da ruta non hai vehículo a disposición para o retorno ao punto de inicio)

PUNTO DE ENCONTRO – REXISTRO DE ASISTENTES

A ruta comeza na praza de Sanfíns, mais para as persoas que o prefiran ofrecemos a posibilidade de quedar na praza do Concello de Vimianzo, antes de movernos á saída. Neste último caso haberá que indicar no formulario de inscrición se desde tal praza do Concello van ao punto de inicio da ruta polos seus propios medios ou se precisan ser trasladados por parte da organización no autobús.

Hora do encontro na praza de Sanfíns: 10h.

Hora do encontro na praza do Concello: 09h30.

ORGANIZACIÓN E SEGUROS

A ruta está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas e mais polo Concello de Vimianzo, estando cuberta para o público por un Seguro de Responsabilidade Civil e mais por un seguro de accidentes.

RECOMENDACIÓNS-PROHIBICIÓNS

Por máis que haxa uns seguros para a actividade, as persoas asistentes deben asumir certas responsabilidades, entre as que destacamos o que ten que ver co seguinte:

a) Atender ás indicacións do persoal organizador en todo momento.

b) Non saír do percorrido sinalizado.

c) Respectar as indicacións e ser prudentes nas zonas de desnivel, altas ou escorregadizas.

d) Levar roupa e calzado axeitado.

e) Evitar danar, coller ou mover os elementos que forman parte da paisaxe.

f) Non se pode fumar durante o percorrido.

g) A ruta non é axeitada para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida.

INSCRICIÓNS E PREZO

As inscricións deben facerse a través deste formulario. As prazas ofertadas están limitadas a 100 persoas, dados os estreitos sendeiros polos que ten lugar a ruta e mais a natureza teatral deste evento.

As prazas para esta actividade son gratuítas, mais debe cubrirse o formulario de inscrición. O xoves 6 de outubro remata o prazo para inscribirse na ruta.

No caso das incricións de menores de idade estas deben incluír unha autorización, xa integrada na inscrición da persoa adulta que se fai responsable da menor.

CESIÓN DE IMAXES

A inscrición na actividade supón a aceptación da utilización de imaxes nas que poida aparecer o/a participante para labores de promoción da festa.

COROLARIO

A inscrición nesta actividade implica a aceptación de todos os puntos desenvolvidos ao longo do documento.