A X Muiñada de Vimianzo presenta unha nova Ruta Teatral: A Roldiña en Cambeda. Unha ruta circular de 2,14km pola aldea de Sanfíns guiada polo señor Eduardo, e ambientada na época na que os muíños estaban cheos de vida. É obrigatoria a reserva previa.
Trátase dun roteiro teatralizado polas terras de Sanfíns dentro dun ambiente de Roldiña (denominación autóctona para a Santa Compaña) ambientado na metade do século XX. A intención da obra é provocar no visitante ese contraste entre o que se relata e o que ve. Un mundo imaxinario, de incuestionable realidade na cabeza do Señor Eduardo, confrontado cunha paisaxe abandonada, íncipit do desleigo cultural.
Durante o percorrido, o señor Eduardo describirá recunchos, árbores, camiños, etc, que o visitante non será quen de ver, pois desapareceron con ese paso do tempo. Ademais, será un roteiro que, comezando coa boa vontade do Señor Eduardo por amosarlles a aldea a uns peregrinos camiño de Compostela, rematará de xeito tráxico para o protagonista. Os visitantes deberán preguntarse se a traxedia ocorreu no seu mundo, ou no do señor Eduardo.
Aquel que acuda, poderá ver de primeira man elementos patrimoniais senlleiros que quedaron abandonados e ocultos hai máis de 30 anos, que non viron a luz en ningunha publicación etnográfica ou científica e que só coñecen os que medraron no lugar.
Prégase aos asistentes unha participación activa, interactuar co protagonista, seguir as súas indicacións e ser respectuosos cos demais e co medioambiente.
(Temática e roteiro renovados fronte ás edicións pasadas*)
Terá lugar na praza de Sanfíns (Cambeda). A ruta é circular, polo que as persoas participantes poderán aparcar nas inmediacións da praza para regresar comodamente despois da ruta.
O repaso da listaxe de participantes realizarase ás 09h50 do sábado 18 de outubro. Se na hora de comezo da visita (10h) falta algunha participante darase por feito que cancela a súa asistencia.
Traxecto circular duns 2 km, con inicio e final na praza de Sanfíns (Cambeda). As persoas inscritas deben achegarse nos seus vehículos particulares a este punto de encontro.
Estímase que a actividade terá unha duración dunhas dúas horas.
As inscricións deben facerse a través deste formulario. As prazas ofertadas están limitadas a 20 persoas máximo, para desfrutar e vivir o roteiro.
A actividade é gratuíta, mais debe cubrirse o formulario de inscrición obrigatoriamente. O xoves 16 de outubro remata o prazo para inscribirse na ruta.
No caso das inscricións de menores de idade estas deben incluír unha autorización, xa integrada na inscrición da persoa adulta que se fai responsable da menor.
A ruta está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas e máis polo Concello de Vimianzo, estando cuberta para o público por un Seguro de Responsabilidade Civil e mais por un seguro de accidentes.
Por máis que haxa uns seguros para a actividade, as persoas asistentes deben asumir certas responsabilidades, entre as que destacamos o que ten que ver co seguinte:
Atender ás indicacións do persoal organizador en todo momento.
Non saír do percorrido sinalizado.
Respectar as indicacións e ser prudentes nas zonas de desnivel, altas ou escorregadizas.
Levar roupa e calzado axeitado.
Evitar danar, coller ou mover os elementos que forman parte da paisaxe.
Non se pode fumar durante o percorrido.
A ruta non é axeitada para persoas con mobilidade reducida.
A inscrición na actividade supón a aceptación da utilización de imaxes nas que poida aparecer o/a participante para labores de promoción da festa.