AC Cherinkas

Davide Salvado e A Banda da Balbina encabezan a IV Muiñada de Vimianzo

O sábado 20 de outubro Vimianzo volve á época da infancia de moitas veciñas e veciños ou de súas nais ou pais, avós e avoas. Un pasado labrego que se lembra con foliada, concertos, magosto, teatro, gastronomía, xogos, obradoiros e unha chea de actividades e curiosidades… Revivir a tradición, recuperar os traballos asociados ao millo como a esfollada, o debullado e finalmente o moer que se poderá ver ao vivo no propio Muíño da Agra, interesante monumento anterior ao século XVIII.

Entre as novidades deste ano destacan a demostración de artesanía ao vivo na contorna do muíño, ao xeito dunha feira das de antes. A festa amplíase comezando xa ao mediodía e saíndo do Muíño da Agra, trasladándose ás rúas e diferentes establecementos da vila, con Cantos de Taberna.

Xa ás 16h a festa vívese baixo as carpas do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas, que dará paso á apertura da Artesanía ao Vivo e unha pequena exposición de imaxes antigas de Soneira. Como curiosidade haberá un fotógrafo de época tirando imaxes tamén dos asistentes.

As familias con pequenos poden aproveitar a tarde coas actividades pensadas para eles, como diferentes xogos ou a obra “Raposadas” con Raquel Queizás, unha selección de contos tradicionais galegos de animais.

A visita teatralizada ao Muíño da Agra, que se irá facendo en varios pases, é unha das citas máis destacadas, protagonizada por alumnos do IES Terra de Soneira. Seguidamente terá lugar a competición de debullado de millo, con diferentes categorías, obradoiros de filloas e, como novidade, de amasado de pan.

Precisamente isto abrirá o apetito para a Cea tradicional, con bolo preñado, broa, empanada de millo, filloa, costela, caldo de rabizas con chourizo e as esperadas papas de millo, que poucas veces se poden degustar. Para adquirir a bebida ou a cea haberá que pasar polo servizo de banca da Muiñada, xa que daquela o euro non existía, trócanse por “moscosos”. Aínda así tamén haberá a posibilidade de usar pesetas!

Como gran novidade a música comezará xa ás 19h, co recoñecido artista Davide Salvado, dando paso despois á foliada de diferentes grupos da zona e á noite de concertos con Tombalobos Orquestra, A Banda da Balbina e Skandalo Gz.

A organización insiste na importancia da colaboración da veciñanza en diferentes aspectos da festa. Quen queira participar achegando empanadas tense que poñer en contacto coa AC Cherinkas e facelo a través dos diferentes locais colaboradores antes do 18 de outubro.

Finalmente, pídese que as persoas que acudan á festa veñan vestidas ao xeito da época. É un xeito moi sinxelo de poder colaborar na ambientación da festa.

Música de calidade, a Muiñada aposta por sons festeiros e de referencia, tendo pasado xa pola festa en anteriores edicións grupos como Tanxugueiras, Caxade, De Vacas, Sebastião Antunes e a Quadrilha, A Roda… Nesta ocasión haberá catro grupos que protagonizan o serán e noite de troula

DAVIDE SALVADO.

Sen dúbida, unha das voces máis carismáticas de Galicia. Percorreu gran parte das aldeas galegas na procura de ritmos, sons e bailes. De aí non só aprendeu da tradición musical, máis tamén do xeito de vida do rural que leva sempre por diante. O seu último álbum Lobos, cun gran éxito de críticas, chega o momento de presentalo en Vimianzo.

TOMBALOBOS.

Grupo de orixe coruñesa cun repertorio de grande pouso tradicional.

A BANDA DA BALBINA.

Ritmos festeiros con base tradicional ao abeiro da súa xenuína showwoman.

SKANDALO GZ.

Banda de ska/punk galega nacida en 2007 con base en Ponteareas. Con 3 discos e máis de 10 anos de loita por toda Galicia e parte do Estado, o seu dinamismo dará remate os concertos.

PROGRAMA

Sábado 20 de outubro de 2018

13h Cantos de Taberna (Vila)

16h Sesión Café de Pota

Ofrenda aos Tempos

Apertura de Artesanía ao Vivo

Apertura de Exposición Fotos

16h15 Teatro infantil: Raquel Queizás

17h00 Visita Teatralizada ao Muíño

17h45 Debullada de Millo

18h15 Sesión Filloa

Obradoiro de Amasado

Obradoiro de Elaboración de Filloas

19h Davide Salvado

20h CEA

MAGOSTO

FOLIADA

“Maruxía” de Laxe

“O Son do Castro” de Borneiro

“Abaladeiras” de Muxía

“Trubisquiña” de Vimianzo

22h30 Tombalobos Orquestra

A Banda Da Balbina

Skandalo GZ

Rúa Rosalía de Castro, 5, 15129 Vimianzo, A Coruña, España